O bo traballador debería ter como principal obxectivo do día a día logra-la súa evolución profesional e acadar novas metas. No meu caso, como o traballo non me enche de todo (aínda que estes días estou a ter algo de actividade), aproveito o tempo para estar nun proceso de formación continua.
Comecei por cousas doadas, como escribir correos á xente coñecida e ler diversas bandas deseñadas (a de Dilbert do domingo foi sinxelamente, xenial). Tendo en conta que o sector evoluciona moi rápido, é preciso estar en constante actualización, e que mellor forma de coñece-la actualidade que ler os xornais.
Unha vez acadada a mestría neste nivel, era o momento de dar un salto de calidade, desembarcando no mundo da edición e administración de bitácoras. Tamén se produciú unha mellora no uso das follas de cálculo, xerando un "Excel" que contabiliza os acertos na quiniela de 22 persoas, e que calcula o pleno ó 15 segundo os pronósticos aportados pola xente.
O pasado venres, saquei á luz a miña parte máis artística, botei toda a mañán a facer fotomontaxes coa cara dun compañeiro que deixaba a xerencia. Coas miñas seis fotomontaxes e unha feita por un compañeiro, editamos un pequeno pasquín para rendirlle unha merecida homenaxe. Foi todo un éxito, xa que na pequena festa de despedida que lle demos, case toda a xente esmendrellábase coa risa e dábannos parabéns (en breve sacaremos versión ppt para a súa multidifusión).
Ata agora todo semellaba encaixar, xa que sempre estiven diante do ordenador (polo que de lonxe pódese crer que estaba a traballar). Pero as miñas inquedanzas fixéronme rompe-la derradeira fronteira e ir alén da informática; metido nun "cuarto de reflexión" (facelo enriba de miña mesa parecíame excesivo), nunha man unha batería de 12V, e na outra unha botella con H2SO4, encomendeime á Química... e milagre...¡Electricidade!.
Visto que no traballo non teño limitacións á hora de adquirir novos coñecementos (literatura, deseño gráfico, maquetación ou química), tan só me queda por decidir que será mellor para o meu currículo: ¿encaixe de Camariñas ou toca-la zanfona?.
Suscribirse a:
Comentarios de la entrada (Atom)
1 comentario:
O teu vindeiro obxectivo podería ser descubrir por que carallo non saímos no Google.
Publicar un comentario