martes, 2 de diciembre de 2008

Viaxe a Asturias

Xa vai quedando menos para que remate o ano, e como aínda sobraban algúns días de vacacións, o Yonyi aproveitou para gastar uns días na terra irmá de Asturias.

A estadía en terras asturianas foi moi completa, posto que houbo tempo para case todo: descanso, deporte, festa e máis lecer. O máis salientable ademais das partidas ó "Guitar Hero" e a visita cultural á noite de Oviedo, foi a excursión a estación de esquí de Valgrande-Pajares. Esta estación atópase na fronteira entre Castela e Asturias, e conta cunha altitude máxima de preto de 1900 metros. O día era moi bo ata chegar ó mediodía, momento no que baixou a brétema e comezou unha ventisca; aínda así tratouse de aproveitar ó máximo o día, xa que non sempre se ten a oportunidade de desfrutar das pistas para un só.

Na seguinte imaxe pódese ver ó Yonyi nun dos breves momentos que pasaba dende que se levantaba do chan ata que volvía afuciñar.


O corpo acabou bastante mallado e as consecuencias chegan ata o día de hoxe, pero as proteccións axudaron a que non houbese danos que lamentar e a poderse sentar dende o primeiro momento.

As neves caídas durante estes días axudaron a facer un pouco máis amena a viaxe, xa que os quilómetros que transcorren pola Cordilleira Cantábrica presentaban unha estampa ben bonita. Como contrapartida houbo que estar durante preto de hora e media aturando a emulación de son de obturación que fan os móbiles cando tiran fotos. Esta claro que coas novas tecnoloxías, non todo podían ser vantaxes.

lunes, 17 de noviembre de 2008

A tele achéganos un pouco máis a Galicia

Ás veces no meu interior aparece un comechume producido pola estancia prolongada lonxe da terra. Cando ista saudade se apodera de min trato de mitigala empregando diversos placebos como por exemplo chamar á casa e falar cós meus, escoitar música en galego, ou mesmo mercar un queixo de tetilla.

Esta fin de semana, facendo zapping, atopei unha nova forma de diminui-la sensación de morriña. Trátase de algo moi noso, que nos leva acompañando case que dende que teño uso de razón...


Como ben puidestes adiviñar, trátase de Gayoso. Nunha das canles locais estaban a botar o Luar. Ó principio cando vin o escenario, pareceume, pero tiña as miñas dúbidas, mais unha vez tiven diante dos fuciños a Gayoso e ó "Petróleo", xa non había lugar para as dúbidas, case que se me cae algunha bágoa e todo. O mellor de todo era a dobraxe, que parecía sacada de "Humor Amarillo" ou do "Mundo Viejuno".

Grazas a este achado, dende agora os venres noite poderei sentirme un pouco máis preto da casa.

martes, 11 de noviembre de 2008

Are you from past?

Yes, I am.

Máis concretamente do 15 de agosto do 96, dende alí e en primicia tráiovos un documento escuro da máis pequena da familia (pouco che queda).



A ver se pensabades que sempre pintou coma o fai agora.

Parabéns polo cumpre, e dille a túa irmá que ela será a seguinte en recibir un agasallo do pasado.

Como non sei se este anuncio tamén se ve fóra de Galicia, aí vos queda o novo anuncio de Vivamos como galegos en New York.

As Evercamisetas

As Evercamisetas foron un éxito tanto en Alcaudete como no posto de traballo. Pero tras un éxito sempre se atopa unha historia que por desgraza poucas veces témo-la opción de coñecer. Sen embargo, grazas a unha árdua e longa investigazón, a seguinte reportaxe vainos amosar o que se agocha tra-las Evercamisetas.

A idea de facer algo especial para a estadía dos Madarnás en Alcaudete xurde nun momento indeterminado do que case non temos datos. Dende un principio considérase que a mellor opción para facer algo vistoso e notorio é unha camiseta cun deseño orixinal.

Posteriormente, nunha das reunións familiares, exponse por primeira vez de forma pública a idea, someténdose a votación e sendo aprobada por unanimidade.

Unha vez obtidos os apoios precisos comeza a fase da busca dun deseño orixinal e que poida representa-la familia. A opción elixida basearase no monicreque que aparece na cabeceira do blogue. Dos primeiros esbozos non dispoñemos de imaxes, aínda que segundo os testimonios recollidos, o deseño centrábase en buscar unha apariencia máis enxebre do monicreque, polo que se fan probas con boinas, monteiras e máscaras de peliqueiro.

Nunha segunda aproximación ó deseño, retómase o tema dos chapeus e fanse uns debuxos algo máis elaborados que serven para facerse unha pequena idea. Estes debuxos pódemo-los ver na imaxe que se amosa a continuación.



De inicio a idea que ten máis aceptación é a de emprega-la máscara do peliqueiro como base para o resto do debuxo. Unha vez tomada esta decisión, comezase co deseño da composición completa. Nesta ocasión volven sair cinco modelos, tres dos cales contan coa máscara e un deseño de fondo, mentres que nos outros dous intégrase como parte do deseño a Cruz de Santiago, como se pode apreciar na seguinte imaxe.


Partindo dos cinco deseños anteriores faise unha preselección dos dous que serán sometidos a votación, tanto no que se refire ó deseño coma á cor, quedando case que por completo definido o deseño.

Xa nunha última fase de axustes fanse pequenos cambios respecto ó emplazamento e bordes do texto, e decídese substitui-la máscara por unha monteira, xa que se considera que se adapta mellor á idea orixinal.


Chegados a este punto a fase de deseño dábase por rematada, quedando tan só a elección das tallas e a impresión das Evercamisetas.

lunes, 22 de septiembre de 2008

O Cuarto Reich

Finais de verán de 2008, o avance dos Madarnás por Europa prosegue de forma imparable por centroeuropa. Coa nova ampliación das fronteiras os dominios xa son semellantes ós dun Imperio, polo que a mellor forma de celebrar esta expansión era a conquista de Berlín e o establecemento do Cuarto Reich.

A viaxe comezou o luns ás 6:30 da mañán, un pequeno sacrificio que xunto coas baixas temperaturas faría un tanto complicado o primeiro día, pero sacando folgos do último recuncho do seu ser, o Yonyi conseguiu rendi-la cidade ós seus pés, e a última hora da tarde o poder dos Madarnás xa ondeaba no alto da Porta de Brandemburgo.


Foron cinco días intensos, cunhas temperaturas que oscilaban entre os 14 e os 8ºC. O certo e que é unha cidade interesante e bonita. Ten bastante cousa que ver, pero debido a que ás 19:00 comezaba a escurecer, inevitablemente houbo cousas que quedaron por ver. Como punto en contra da cidade poderíase comenta-la escasa variedade (e calidade) que teñen na cociña, pero sempre te-la opción de xantar ou cear nun italiano ou nun oriental. Como contrapunto podiamos menciona-la gran cantidade de tipos de cervexa que teñen, destacando a Berliner Weisse, unha cervexa de trigo que ademais da cervexa normal, presenta as variedades de framboesa e de herbas. A de herbas presenta un sabor interesante e bastante refrescante.

Debido á planicie da zona, tódolos novos dominios pódense ver de forma expectacular dende a Torre da Televisión (o segundo edificio máis alto de Europa) ou dende a cúpula do Reichstag.

miércoles, 10 de septiembre de 2008

Happy Trinta, OrDousxDous!!!

Hoxe estamos de celebración posto que o noso benquerido OrDousxDous está de cumpreanos. Chegou o momento de facer balance, pecha-la época dos vinte e comezar cun novo decenio.

Agora xúrdeme unha pregunta, ¿cambiará o nome de OrDousxDous por OrDousxTres?, dende logo a opción de OrTresxDous está descartada, xa que semellaría unha promoción dun supermercado.

Como conmemoración desta importante data, dende Evergreen Entertainment, decidimos facer unha felicitación un tanto especial que agardamos que cando menos lle axude a arrinca-la trintena cun sorriso.



Parabéns pra voçê, OrDousxDous!!!

miércoles, 27 de agosto de 2008

O Casamento

Pecharemos esta triloxía de relatos sobre a estancia por terras do sur falando do Casamento, xa que era o alfa e o omega de toda esta historia.

O sábado pola tarde os Madarnás dispuxemos das nosas mellores galas. Elegancia e fermosura rezumaban a partes iguais, cousa por outra parte lóxica, xa que son dúas das características intrínsecas dos nosos xenes. Trala correspondente sesión de fotografía partimos cara a igrexa que se atopa ó pé do castelo.

Na cerimonia puidemos ver elementos máis típicos do sur, como pode se-la parte da velación ou a entrega do diploma en nome do Sumo Pontífice. Aqueles máis avezados tamén se darían de conta da presenza en segundo plano dos "Tres Tenores".

O convite era unha curiosa mestura de productos galegos (albariño, tetilla ou licor café) con productos máis propios da zona. Esta amplo abanico de posibilidades podía satisfacer ós máis diversos padais.

Xa no medio da cea, comezamos co reparto dos agasallos, neste caso botellas de licor café para os homes e xoieiros para as mulleres, todos eles dunha fermosa artesanía galega. Ó principio reinaba o caos, pero pouco a pouco fómoslle tomando o pulso e xa nas últimas mesas funcionabamos coa precisión dun reloxo suizo. Pese á prometedora irrupción do "sexapeal" dos Madarnás, a visita polas mesas deixaría claro que aquela non ía ser unha boa noite para os solteiros.

Outro momento salientable da noite chegaría tralos postres. Nun intre no que reinaba o silencio no ambiente, unha improvisada foliada xurdiu da nada, co son da gaita e as pandeiretas. Foi o momento no que os galegos aproveitamos para da-lo cante, literalmente.

Xa por último, chegado o tempo dos pasodobres, desenferruxamos un pouco o corpo e botamos un baile ó máis puro estilo do Santo.