miércoles, 27 de agosto de 2008

O Casamento

Pecharemos esta triloxía de relatos sobre a estancia por terras do sur falando do Casamento, xa que era o alfa e o omega de toda esta historia.

O sábado pola tarde os Madarnás dispuxemos das nosas mellores galas. Elegancia e fermosura rezumaban a partes iguais, cousa por outra parte lóxica, xa que son dúas das características intrínsecas dos nosos xenes. Trala correspondente sesión de fotografía partimos cara a igrexa que se atopa ó pé do castelo.

Na cerimonia puidemos ver elementos máis típicos do sur, como pode se-la parte da velación ou a entrega do diploma en nome do Sumo Pontífice. Aqueles máis avezados tamén se darían de conta da presenza en segundo plano dos "Tres Tenores".

O convite era unha curiosa mestura de productos galegos (albariño, tetilla ou licor café) con productos máis propios da zona. Esta amplo abanico de posibilidades podía satisfacer ós máis diversos padais.

Xa no medio da cea, comezamos co reparto dos agasallos, neste caso botellas de licor café para os homes e xoieiros para as mulleres, todos eles dunha fermosa artesanía galega. Ó principio reinaba o caos, pero pouco a pouco fómoslle tomando o pulso e xa nas últimas mesas funcionabamos coa precisión dun reloxo suizo. Pese á prometedora irrupción do "sexapeal" dos Madarnás, a visita polas mesas deixaría claro que aquela non ía ser unha boa noite para os solteiros.

Outro momento salientable da noite chegaría tralos postres. Nun intre no que reinaba o silencio no ambiente, unha improvisada foliada xurdiu da nada, co son da gaita e as pandeiretas. Foi o momento no que os galegos aproveitamos para da-lo cante, literalmente.

Xa por último, chegado o tempo dos pasodobres, desenferruxamos un pouco o corpo e botamos un baile ó máis puro estilo do Santo.

martes, 26 de agosto de 2008

Unha noite no castelo

Venres noite, temperatura agradable, pequenos cambios de última hora e as présas asociadas. Así comezaba a esperada visita ó castelo de Alcaudete.

Esta visita estaba marcada en vermello no calendario, xa que era o momento escollido para impresionar ás masas mediante a aparición da "marea verde". Tratábase da presentación en público das camisetas deseñadas para a ocasión, e abofé que causaron sensación e deron a nota de cor.

Tras unha subida que case nos deixa sen folgos, tivemos unha visita guiada polo castelo, e para quen quixese, a opción de subir á Torre da Homenaxe, dende a que había unhas bonitas vistas da vila de Alcaudete. Rematada a visita, dispuxemos dun pequeno aperitivo na corte da Corte.

Pero o mellor da noite estaba por chegar, todavía faltaba a Queimada, rito pagán para escorrentar ós malos espíritos. Nunha ocasión tan especial era mester contar coa presenza dun bo druída, é que mellor elección que a do Deiv I Leen, o "Druída das Estrelas", experto no Conxuro e na lectura das runas.



Mentres se consumía o lume da Queimada, saíndo da escuridade, o fol dunha gaita comezaba a enche-lo ar co son da saudade. A xente abría paso a Xacobe, coma se de Moisés atravesando o Mar Vermello se tratase, para permitirlle chegar ata o escenario onde a augardente seguía a arder.

Por se a gaita non chegaba para facer aflora-la morriña, antes de remata-lo momento de exaltación da Terra coa degustación da Queimada, o grupo coral de "Toxo Toxo" tivo a amabilidade de nos deleitar cunha fermosa canción cantada "a capella".

Dende logo, foi unha noite inolvidable.

lunes, 25 de agosto de 2008

Crónica da conquista de Alcaudete

O día 15 de agosto, día da Asunción, é o momento no que a meirande maioría dos pobos celebra as súas festas. Aproveitando este momento no que as xentes baixan a garda, os Madarnás desprazáronse en masa cara terras do sur para chantar unha nova pica no seu proxecto de conquista mundial.

Nesta ocasión a cadea de mando estaba formada por M2, mentres que os M3 tan só eramos uns peóns que conformabámo-las forzas de asalto. A calor era un dos principais inimigos da expedición, polo que sabiamente o cuartel xeral instalouse nun sitio no que se dispuña dunha piscina. O obxectivo do venres era recupera-las forzas gastadas na longa viaxe, e que mellor forma de recargar enerxía que botar todo o día na piscina a remollo. Foiche unha sorte poder pasa-las horas de máxima calor metidiño na auga.

Chegado o solpor, os Madarnás saíron á conquista de Alcaudete. O punto estratéxico era un castelo situado no cume dun outeiro. A súa conquista foi todo un éxito, pero isa xa é outra historia.

Por se non chegaba de emocións para ese día, pola noite tiñamos unha patrulla da Garda Civil na porta da casa, facendo controis de alcolemia e documentación. Grazas a nosa rede de espionaxe, un dos coches puido evita-lo control, que houbera tido graves consecuencias, xa que 6 de nós fixemos un alto no camiño para tomar un xelado no medio da vila, e iso de ir 6 nun coche, soa a multa segura. Así que unha vez obtida a información precisa, ideouse un plan para escapar do control. Por un lado, uns 300 metros antes de chegar ó control, tres membros da comitiva baixaron do coche e iniciaban o camiño pola estrada con destino á casa, mentras que o coche facía unha traxectoria envolvente aparecendo polo outro lado da vila e aparcando un chisco antes de chegar ó control. A proba foi superada con éxito.

Ó día seguinte pola mañá, non moi cedo, partimos para completa-la conquista de Jaén, neste caso tan só iámo-los varóns da familia, xa que as mulleres estábanse a preparar para importante festa da tarde-noite. Xa pola noite, algúns de nós volveriamos a Jaén para facer noite, mentres que os outros volverían á casa onde tiñamo-las nosas pertenzas. Pero parece que é tradición nesa zona facer controis de alcolemia, así que novo control; e de novo pasado con éxito.

Chegado o domingo comezou a peregrinaxe cara o Norte, algúns a primeira hora da mañá, outros ó mediodía e os máis novos, tra-la sesta.

Velaquí temos unha foto do noso cronista dende o cume no que está situado o Parador, onde se podía ver toda a cidade de Jaén ós pés dos Madarnás.

viernes, 1 de agosto de 2008

Primeiro premio para os Madarnás

Pois sí, despois de certo tempo facendo pequenas prácticas no eido da animación, por fin podemos comezar a recolle-los froitos deste traballo. Nesta ocasión tratábase dunha páxina na que solicitaban vídeos de apoio ó árbitro español que representaba a España na pasada Eurocopa. A miña afinidade coa arbitraxe e a posibilidade de levar un premio sen moito esforzo, fixo que decidise facer un vídeo. Non é que tivese moito mérito leva-lo premio, xa que eran 20 lotes para 31 candidatos, pero o importante é ese pequeno recoñecemento ó tempo perdido en xogar con estas cousas.

Como se pode ver na imaxe que hai embaixo, o lote está constituido por accesorios deportivos da marca Umbro. Trátase de moitas mochilas e semellantes, gorras, botas de fútbol sala, unha camiseta, unha chaqueta de chándal e un lote de calcetíns.


Aqui poño unha desas imaxes que tanto gustan: O Yonyi arrolándose no seu premio como se de Sir Oinkcelot (gran amigo de Richard Nixon) se tratase. O feito merecíao, xa que é o primeiro premio que levan os Madarnás.