jueves, 25 de octubre de 2007

E ti de quen es, morlock ou eloi?

Veña, para seguir co estilo criticón que é o que semella que se vai levar esta tempada, preséntovos unha perigosa mestura de sensacionalismo xornalístico e necesidade dalgúns doutores (universitarios) de publicar calquera cousa con tal de chamar a atención.

Prevén que a Humanidade se dividirá en dúas dentro de 100.000 anos
"O doutor Oliver Curry cre que a dependencia tecnolóxica e a selección da parella levará a un futuro de 'guapos' e 'feos'. "

"Os descendentes da clase superior serán altos, delgados, sans, atractivos, intelixentes e creativos, mentres que a xente da subespecie inferior será fea e semellante a criaturas coma os goblins."

"...a Humanidade se divida en dúas subespecies: unha “grácil” e outra “robusta”, semellantes aos Eloi e os Morlocks da novela que publicou Wells en 1895."

Bueno (vivamos coma galegos!!!), non sei que máis cousas contaría o tal Oliver, pero o que está claro é que ao xornalista o que lle quedou foi o de humanos coma goblins ou morlocks. Os goblins vounos deixar, xa que entre os xogos de rol e o Duende Verde de Spiderman (Green Goblin) xa todo o mundo se fai unha idea de como son, mais os morlocks por non ser tan coñecidos merecen uns apuntamentos.

Morlock levándolle a merenda aos fillos

Os morlocks son unha subespecie humana creada polo escritor H. G. Wells no seu libro A máquina do tempo, onde nun futuro lonxano a especie humana divídese en dous, os Eloi (que ven poderían ser de Sanguñedo :) ) guapos e bos, e os morlocks, uns seres malvados que viven baixo a terra. A diferenza co proposto por Oliver é que lonxe de ser inferiores, tiñan aos Eloi coma gando, e ao chegar a unha determinada idade, chamaban por eles para que baixaran as profundidades e papalos.

Como vedes o doutor (teórico da evolución nunha Escola de Económicas?) o único que fixo foi contar unha novela de ciencia ficción ao seu xeito, baseándose nas mesmas suposicións que calquera escritor pode facer, polo que as súas previsións nada de científicas e si moi literarias, nunca deberían presentarse coma algo serio. Xa postos a imaxinar o futuro da raza humana, quédome co proposto por Harry Harrison en Encuentro final, que me parece moito máis probábel.

No hay comentarios.: