martes, 6 de mayo de 2008

A fin do Leopoldismo

Fai algún tempo comentara que no traballo tiñamos a extraña afección de enviarlle correos a unha compañeira que está a piques de cumpli-los trinta. Pero no entorno tecnolóxico no que nos movemos iso non nos enchía, xa que non permitía ningún tipo de interactividade, así que decidimos complicar un pouco a cousa e xerar un blogue no que se puidese segui-la conta atrás en tempo real e participar de forma máis directa. Nacendo así "adiosalosveinte".

Ademais da funcionalidade principal, aproveitamo-la súa existencia coma foro para promove-las nosas ideas máis absurdas. Unha mostra é o "Clube de Fans de Calvo Sotelo" (CFCS), no que se atopan diversas obras baseadas na súa persoa. A pena é que esta fin de semana tivémo-la mala sorte de que morrese. Algúns acúsannos de gafes, xa que ninguén se lembraba del ata que comezamos coa web.

Hoxe rematan os días de loito oficial, e teño un compañeiro que leva dende o luns coa bandeira a media hasta.



P.D: Se queredes deixar comentarios sobre as fotos ou darlle ánimos á miña compañeira, tedes completa liberdade.

No hay comentarios.: