A estadía en terras asturianas foi moi completa, posto que houbo tempo para case todo: descanso, deporte, festa e máis lecer. O máis salientable ademais das partidas ó "Guitar Hero" e a visita cultural á noite de Oviedo, foi a excursión a estación de esquí de Valgrande-Pajares. Esta estación atópase na fronteira entre Castela e Asturias, e conta cunha altitude máxima de preto de 1900 metros. O día era moi bo ata chegar ó mediodía, momento no que baixou a brétema e comezou unha ventisca; aínda así tratouse de aproveitar ó máximo o día, xa que non sempre se ten a oportunidade de desfrutar das pistas para un só.
Na seguinte imaxe pódese ver ó Yonyi nun dos breves momentos que pasaba dende que se levantaba do chan ata que volvía afuciñar.

O corpo acabou bastante mallado e as consecuencias chegan ata o día de hoxe, pero as proteccións axudaron a que non houbese danos que lamentar e a poderse sentar dende o primeiro momento.
As neves caídas durante estes días axudaron a facer un pouco máis amena a viaxe, xa que os quilómetros que transcorren pola Cordilleira Cantábrica presentaban unha estampa ben bonita. Como contrapartida houbo que estar durante preto de hora e media aturando a emulación de son de obturación que fan os móbiles cando tiran fotos. Esta claro que coas novas tecnoloxías, non todo podían ser vantaxes.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario