lunes, 25 de agosto de 2008

Crónica da conquista de Alcaudete

O día 15 de agosto, día da Asunción, é o momento no que a meirande maioría dos pobos celebra as súas festas. Aproveitando este momento no que as xentes baixan a garda, os Madarnás desprazáronse en masa cara terras do sur para chantar unha nova pica no seu proxecto de conquista mundial.

Nesta ocasión a cadea de mando estaba formada por M2, mentres que os M3 tan só eramos uns peóns que conformabámo-las forzas de asalto. A calor era un dos principais inimigos da expedición, polo que sabiamente o cuartel xeral instalouse nun sitio no que se dispuña dunha piscina. O obxectivo do venres era recupera-las forzas gastadas na longa viaxe, e que mellor forma de recargar enerxía que botar todo o día na piscina a remollo. Foiche unha sorte poder pasa-las horas de máxima calor metidiño na auga.

Chegado o solpor, os Madarnás saíron á conquista de Alcaudete. O punto estratéxico era un castelo situado no cume dun outeiro. A súa conquista foi todo un éxito, pero isa xa é outra historia.

Por se non chegaba de emocións para ese día, pola noite tiñamos unha patrulla da Garda Civil na porta da casa, facendo controis de alcolemia e documentación. Grazas a nosa rede de espionaxe, un dos coches puido evita-lo control, que houbera tido graves consecuencias, xa que 6 de nós fixemos un alto no camiño para tomar un xelado no medio da vila, e iso de ir 6 nun coche, soa a multa segura. Así que unha vez obtida a información precisa, ideouse un plan para escapar do control. Por un lado, uns 300 metros antes de chegar ó control, tres membros da comitiva baixaron do coche e iniciaban o camiño pola estrada con destino á casa, mentras que o coche facía unha traxectoria envolvente aparecendo polo outro lado da vila e aparcando un chisco antes de chegar ó control. A proba foi superada con éxito.

Ó día seguinte pola mañá, non moi cedo, partimos para completa-la conquista de Jaén, neste caso tan só iámo-los varóns da familia, xa que as mulleres estábanse a preparar para importante festa da tarde-noite. Xa pola noite, algúns de nós volveriamos a Jaén para facer noite, mentres que os outros volverían á casa onde tiñamo-las nosas pertenzas. Pero parece que é tradición nesa zona facer controis de alcolemia, así que novo control; e de novo pasado con éxito.

Chegado o domingo comezou a peregrinaxe cara o Norte, algúns a primeira hora da mañá, outros ó mediodía e os máis novos, tra-la sesta.

Velaquí temos unha foto do noso cronista dende o cume no que está situado o Parador, onde se podía ver toda a cidade de Jaén ós pés dos Madarnás.

No hay comentarios.: